Tuesday 14 de May de 2024

Medio Ambiente colaborará na mellora do abastecemento do concello de Mesía


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mantén unha reunión co alcalde de Mesía

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co Concello de Mesía na mellora da situación do abastecemento deste concello. Así llo trasladou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, ao alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro, co que mantivo unha reunión de traballo para analizar as necesidade en materia de augas deste municipio.

No encontro, no que tamén participou o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, analizaron as necesidades en materia de abastecemento, así como as actuacións que serían necesarias para dar continuidade ás melloras proxectadas no ano 2009.

A conselleira sinaloulle ao alcalde que Augas de Galicia retomará os proxectos para analizar conxuntamente co concello a distribución das actuacións en distintas fases, comezando este mesmo ano pola actuación que o Concello considere prioritaria. Engadiu que a Consellería apoiará á Administración local para dar continuidade ás obras que completen a infraestrutura de abastecemento de Mesía, para o que será necesario un investimento aproximado dun millón de euros.